Tema 1: Situacións e variábeis de ensino das linguas estranxeiras
Benvid@s de novo a este blog e feliz ano!
Hoxe comezamos unha nova
temática nas entradas. A volta ás clases do mestrado veu acompañada co inicio
dunha nova (e derradeira) materia: Didáctica
da ensinanza das linguas estranxeiras. Por tanto, a partir de agora todas as
entradas deste blog estarán dedicadas aos temas desta asignatura impartidos por
Gonzalo e Cristina.
O primeiro tema chámase Situacións e variábeis de ensino das linguas
estranxeiras. A continuación analizaremos os contidos aprendidos nas dúas
sesións correspondentes á unidade e engadiremos tamén as actividades
realizadas.
A sesión comezou coa
explicación de tres conceptos básicos: L1, L2 ambiental e L2 estranxeira. A
lingua inicial (L1) é a primeira lingua que aprende un neno ou nena de maneira
inconsciente antes de empezar o colexio. A lingua segunda (L2 ambiental) é a
que se adquire despois da L1 na escola, como lingua vehicular ou de ensino. Por
último, a lingua estranxeira (L2 estranxeira) adquírese soamente no contexto
escolar, de maneira consciente e cunha intención determinada.
Para poñer isto en
práctica, o docente dividiunos en pequenos grupos para que pensaramos nas
similitudes e diferenzas na aprendizaxe dunha lingua materna e estranxeira e as
representaramos cun diagrama de Venn. Os diagramas de Venn serven para ver de
forma gráfica a relación entre dous ou máis elementos representados mediante
círculos. Así mesmo, pódense establecer distintos tipos de relacións segundo a
colocación destes, pero nós centrámonos nos overlapping
circles. Como ben indica o seu nome, este diagrama consiste en poñer dous
círculos superpostos de maneira que poidamos escribir as características únicas
de cada elemento nos extremos e as semellanzas de ambos no espazo que é común
para ambos círculos. Na aula chegamos á conclusión de que tanto a lingua
materna como a estranxeira melloran co uso e permiten comunicarnos. Persoalmente
creo que o Diagrama de Venn é unha técnica moi boa e visual para utilizar na
aula, pois permite entender facilmente as relacións que existen entre conceptos.
Despois deste exercicio,
estudamos os contextos de uso na lingua, onde podemos facer tres distincións:
lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular. A lingua habitual é a
que usamos na maioría dos contextos comunicativos; cabe destacar que non sempre
coincide coa lingua inicial, pois un imigrante francés que vive en Madrid
poderá ter como lingua habitual o español e lingua inicial o francés. Pola súa
parte, a lingua de traballo é a utilizada nunha empresa, nun organismo multinacional
ou nun estado plurilingüe. Para rematar, a lingua vehicular ou lingua franca é
a que serve como medio de comunicación entre falantes de diferentes linguas e,
como podedes intuír, adoita ser o inglés.
Despois desta
explicación, rematamos a sesión levando a cabo unha actividade por minigrupos
na que tivemos que responder unhas preguntas sobre estes conceptos a través dun
placemat. O placemat é unha técnica de aprendizaxe cooperativo onde
o/a docente debe dividir a clase en grupos de catro ou cinco persoas e
entregarlles unha folla que deberán dividir en tantas seccións como integrantes
haxa no grupo e engadir unha sección central. Cada alumno/a deberá responder ás
cuestións plantexadas no seu espazo e para despois compartir as súas ideas co
grupo. Finalmente, elixirán de forma conxunta as respostas máis significativas
e escribiranas no espazo central. Na miña opinión, esta técnica é máis
interesante para alumnado de primaria, pois en Educación Secundaria ou en
adultos é máis sinxelo e rápido que os grupos falen entre si sobre as súas
opinións e cheguen a un acordo.
Na segunda sesión
comezamos aprendendo a diferenza entre comunidade lingüística e comunidade de
lingua, sendo a primeira a comunidade de falantes que comparten o seu
repertorio lingüístico de base e, a segunda, a comunidade de falantes que
comparten o coñecemento e uso dunha mesma lingua ou variedade. Así pois, nós, o
pobo galego, pertencemos á comunidade lingüística galega e á comunidade da
lingua do español.
Seguramente vos preguntaredes
que é un repertorio lingüístico, pois ben, trátase do conxunto de elementos
lingüísticos coñecidos por un falante ou comunidade. Para poñer en práctica
estes conceptos, creamos entre todos o repertorio lingüístico da nosa clase, no
que completamos unhas táboas con todas as linguas e variedades lingüísticas que
xuntabamos entre todos. Ademais, indicamos o nivel (básico, intermedio,
avanzado ou nativo) e o tipo de coñecemento, que é activo, se temos a
capacidade de comprensión e produción da lingua, ou pasivo, se soamente temos a
capacidade de comprensión. Nesta ligazón inclúo o
noso repertorio lingüístico que, como podemos ver, contén moitas linguas
diferentes e, dentro dunha mesma lingua, un gran abano de niveis e variedades!
Seguidamente vimos cales
eran as variábeis no ensino de linguas estranxeiras: as características do
alumnado, as características do centro e os obxectivos. Antes de continuar, gustaríame
comentar un aspecto das características do centro: a tradición pedagóxica. Esta
cambia nos distintos países, por exemplo, en Alemaña é basicamente gramatical,
mentres que nos países anglófonos é comunicativa. Na clase falamos das nosas
experiencias e chegamos á conclusión de que en España a tradición pedagóxica é
meramente gramatical, pois centrámonos na gramática e deixamos de lado a faceta
comunicativa que é vital e (na miña opinión) máis importante á hora de aprender
un idioma.
A última parte do temario correspondía con algunhas metodoloxías que existen na didáctica de linguas. Podemos diferenciar:
- Didáctica da lingua inicial (EML): por exemplo, nunha clase de Inglés en Londres
- Didáctica da lingua segunda (ESL: por exemplo, nunha escola británica de Madrid
- Didáctica da lingua estranxeira (EFL): por exemplo, nunha clase de Inglés na EOI de Vigo
- AICLE (CLIL): a aprendizaxe dunha materia nun idioma estranxeiro
- Aprendizaxe precoz das linguas estranxeiras (English for young learners): por exemplo, en 1.º de Primaria
- Linguas estranxeiras para fins específicos (ESP): por exemplo, nun ciclo superior de turismo
Para finalizar a sesión
fixemos unha última actividade en pequenos grupos relacionada coas
metodoloxías. O docente ofrecíanos distintas situacións e nós debiamos dicir
que metodoloxía se usaría en cada unha delas. Finalmente puxemos as nosas
respostas en común e creamos esta táboa entre todos, na que podedes ver exemplos de uso das
metodoloxías explicadas e outras adicionais.
Para concluír, gustaríame compartir con vós a miña opinión sobre estas sesións. Considero que este primeiro tema foi unha gran iniciación ao que nos espera nesta materia, pois aprendemos moitos conceptos básicos e importantes cos que traballaremos no noso futuro como docentes de linguas. Así mesmo, mediante os traballos en grupo puxemos en práctica toda a teoría e, ademais, comprobamos por nós mesmos a utilidade na aula de técnicas cooperativas como os diagramas de Venn e o placemat.
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
ResponderEliminarOla, Uxía,
ResponderEliminarMoi bo resumo do traballado en clase no que se refire a este primeiro tema. Unha cousa que me está gustando moito do mestrado en xeral, e destas asignaturas en particular, é como non só se nos dí que o traballo en grupo é positivo para o alumnado, senón que se nos introducen constantemente técnicas que nos fan chegar a nós mesmos a esa conclusión. Agora que xa nos coñecemenos (virtualmente) máis, sinto que os grupos funcionan moi ben e se producen episodios e debates do máis interesante. O feito de haber traballado co diagrama de círculos entrelazados e o Placemat dame ideas de como poder xestionar e plantexar unha actividade de discusión empregando estes elementos tan visuais. Todo é pouco para ter éxito no seguinte paso do mestrado que comeza dentro duns meses e que me produce algunhas inseguridades: a parte práctica. Como ben comenta a compañeira no comentario anterior, todo sexa por dar un enfoque máis afastado da tradición gramatical e fomentar o uso da lingua na aula que, aínda que pareza lóxico que se vai a producir, realmente nunca está garantido.
Unha aperta forte!
Ola, Sofía! Moitas grazas polo teu comentario. É certo que este ano máis que nunca puidemos comprobar persoalmente que o traballo en grupo si funciona e permítenos aprender as unhas das outras. Estou segura de que na nosa etapa de prácticas poderemos plasmar todo o aprendido nestas materias e que conseguiremos afastarnos o máximo posible de tradición gramatical (que tanto nos horroriza). Saudiña!
Eliminar¡Hola, Uxía! Enhorabuena por la entrada tan completa que has realizado, ¡has recogido a la perfección todo lo visto en clase! Además, has incluido cosas tan interesantes como que a la segunda lengua se la conocía también como ‘L2 ambiental’ (lo desconocía por completo). En cuanto a las técnicas cooperativas llevadas a cabo en la sesión, coincido contigo en lo útil que ha sido descubrir y emplear tanto los diagramas de Venn como el placemat. Pienso igual que Sofía, estos elementos empleados en clase nos dan ideas de cómo podemos plantear actividades de una manera diferente con nuestro futuro alumnado. Desde luego, de este máster me estoy llevando un montón de buenas ideas para llevar el trabajo cooperativo al aula (espero que, una vez allí, sepa emplearlas bien xD).
ResponderEliminarDe nuevo, gracias por esta entrada tan instructiva.
¡Un besiño!
Ola, Vanesa! Moitas grazas polo teu comentario. É certo que no mestrado estamos coñecendo moitísimas ferramentas útiles de traballo cooperativo e a verdade é que creo que os nosos futuros alumnos e alumnas agradecerán estas técnicas que se saen do "normal" no sistema educativo actual. Unha aperta moi forte!!!!
EliminarOla, Sabela! Moitas grazas por ler a miña entrada e compartir a túa opinión. Penso que o único bo de ter experimentado unha ensinanza de idiomas puramente gramatical é que non caeremos nos mesmos erros no noso futuro como docentes, pois sabemos que así non se aprende. Unha aperta!!
ResponderEliminar