TEMA 6: DIARIO
Benvid@s de novo a este blog! Como comentei no dossier, neste tema traballamos coas programacións didácticas e algúns documentos sobre as oposicións. O dossier está centrado nas actividades realizadas, que tratan principalmente das programacións, polo que neste diario gustaríame afondar no aspecto das oposicións.
Xa sexa a curto ou longo
prazo, todo o alumnado deste mestrado pensou en presentarse ás oposicións de
secundaria nalgún momento. Por tanto, este proceso de selección interésanos (á
par que nos asusta) a todos nós.
Os procesos selectivos divídense
en dúas fases: a fase de oposición (60%) e a fase de concurso (40%), que no
noso caso deberán realizarse integramente na lingua da nosa especialidade.
A FASE DE OPOSICIÓN
Primeira proba: proba na que se deben demostrar os coñecementos
específicos da nosa especialidade docente. Consta de dúas partes que se
valorarán xuntas:
- Parte A: proba práctica
que consta de exercicios axustados á especialidade correspondente e que permite
comprobar a formación científica e as habilidades técnicas do candidato ou
candidata.
- Parte B: proba teórica consistente no desenvolvemento dun tema. Proporciónanse 5 temas que forman parte do temario oficial da especialidade (aquí inclúo o de inglés), dos cales o candidato ou candidata deberá elixir un e desenvolvelo por escrito.
Ambas partes calificaranse
de 0 a 10 puntos e ponderarase a parte A multiplicando a calificación por 0,6 e
a parte B por 0,4. Para superar esta proba é necesario ter un mínimo de 2,5
puntos en cada unha das partes e unha puntuación total igual ou superior a 5
puntos.
Segunda proba: esta proba realizarana soamente as persoas que
superen a primeira proba; nela deberán demostrar a súa aptitude pedagóxica e o
seu dominio das técnicas necesarias para a docencia. Ao igual que no caso
anterior, a proba consta de dúas partes.
- Parte A: consiste na
presentación e defensa dunha programación didáctica dun curso escolar dun nivel de secundaria ou ensinanza de
idiomas elixida pola persoa candidata. A programación deberá conter 15 unidades
didácticas.
- Parte B: consiste na preparación
e exposición oral dunha unidade didáctica ante o tribunal. Esta unidade
didáctica pode estar relacionada coa programación presentada ou cun tema do temario
oficial da convocatoria. A persona candidata poderá elixir un tema de entre
tres extraídos ao chou por ela mesma.
Esta proba calificarase
de 0 a 10 conxuntamente e, ao igual que na proba anterior, o candidato ou
candidata deberá ter unha puntuación igual ou superior a 5. A parte A conta un
60% e a parte B un 40%.
A FASE DE CONCURSO
Cando superamos a fase de oposición, pasamos á de concurso. Esta fase baséase no baremo de méritos das persoas candidatas, é dicir, adquirimos puntos grazas á nosa formación académica e experiencia docente, podendo alcanzar un máximo de 10 puntos. A fase de concurso divídese en tres bloques
- Experiencia docente previa: máximo 7 puntos.
- Formación académica: máximo 5 puntos.
- Outros méritos: máximo 2 puntos.
Espero que esta entrada
vos servise de axuda para clarificar todas as dúbidas que adoitamos ter sobre a
estrutura das oposicións ás que nos enfrontaremos nun futuro. Sei que pode parecer
complexo e desalentador, pero debemos confiar nas nosas capacidades e saber que
con esforzo, podemos sacalas. Ánimo e sorte, futur@s opositor@s!
Comentarios
Publicar un comentario