TEMA 1: TPRS

Benvid@s a este blog! Nesta primeira entrada falaremos sobre un aspecto do tema 1 da materia, que se chama O ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e económico. Nel estudamos a evolución da ensinanza das linguas estranxeiras en España dunha maneira distinta, pois tivemos que crear nós unhas presentacións grupais sobre unha ou dúas leis e a súa regulación da ensinanza de idiomas para explicar ao resto de compañeiros e compañeiras. Desta forma puidemos coñecer dunha forma máis dinámica o trato que se lle dá ás linguas estranxeiras desde o pasado, traballo que sería moito máis tedioso e aburrido se se tratase simplemente dunha explicación por parte da docente. 

Cando rematamos as nosas presentacións, a profesora expuxo de maneira breve o trato que se lle dá ás linguas estranxeiras nas distintas leis en conxunto e comentou unha cousa que chamou a miña atención e sobre a cal vos quero falar hoxe: o TPRS

 TPRS é unha sigla que significa Teaching Proficiency through Reading and Storytelling. Trátase dun método de ensinanza de idiomas que entende que o cerebro necesita input comprensible (CI) —que ocorre cando o aprendiz é capaz de comprender de forma natural as mensaxes dunha lingua estranxeira— para aprender un idioma. Este método céntrase en contar historias que conteñen as palabras máis usadas e, polo tanto, máis utiles dun idioma estranxeiro, para que así o/a estudante se familiarice con elas de maneira sinxela e activa. 

O TPRS foi creado por un profesor de español chamado Blaine Ray a finais dos anos 80. Ray estivo influenciado polo traballo do doctor Stephen Krashen e do doctor James Asher, pois mesturou o método TPR de Asher (consistente en dar ordes que impliquen movemento) coas estratexias de CI xa comentado de Krashen. Polo tanto, o TPRS baséase na interacción entre profesorado e alumnado e no uso do CI para manter o interés do aprendiz en ser fluído nunha lingua. Desde a súa orixe, o TPRS foi evolucionando e cada vez máis profesores e profesoras apostan por este método para as súas clases. A continuación comentaremos a estrutura dunha clase de TPRS, aínda que ben é certo que esta pode sufrir moitas variacións en función da metodoloxía do profesor e das características do alumnado. 

PRIMEIRO: SIGNIFICADO 
En primeiro lugar, o profesor ou profesora debe elixir unhas poucas estructuras que quere que o alumnado utilice na historia e debe escribilas na pizarra. Despois pode realizar distintas estratexias: 

1. Escribir a tradución dos termos á lingua de orixe para sinalalos cada vez que se digan na historia 
2. Asociar xestos relacionados con cada unha das estruturas. O alumnado deberá realizar estes xestos cada vez que saian as estruturas correspondentes na historia. 

Estas ferramentas axudan a proporcionar un gran «input» no alumnado, sobre todo en niveis iniciais, pois permiten asimilar estruturas dunha forma máis natural. 



SEGUNDO: HISTORIA 
Unha vez se estableceron os significados das estruturas básicas da historia, o profesor ou profesora encargarase de conducir a historia que creará o alumnado. O/A docente irá facendo preguntas a medida que se crea a historia para que os estudantes interactúen e dean detalles sobre ela. Desta forma, os aprendices sentiranse involucrados na historia, pois son eles os que a están a crear. Así mesmo, é necesario asegurarse de que todo o mundo comprende o que se está contando, polo que o profesor ou profesora deberá ir repasando o xa narrado a medida que avanza a historia mediante preguntas que deberán responder os/as alumnos/as. Con estas preguntas, ademais de comprobar que todos seguen a historia, permite que as persoas que estiveran algo máis perdidas volvan a seguir o fío e poidan participar. 

Como é lóxico, a medida que o nivel dos aprendices na lingua estranxeira vai aumentando, a dificultade das estruturas escollidas e das preguntas plantexadas tamén aumentará, para así favorecer a súa aprendizaxe. 


TERCEIRO: LECTURA 
Despois de acabar a narración da historia, o profesor pode lela en alto para que a clase a traduza á súa lingua materna de maneira individual. Outra opción sería entregarlles algunha lectura distinta que conteña as estruturas traballadas na historia para que os estudantes se poidan fixar nos aspectos gramaticais. Ademais, o profesorado pode proporcionar algúns consellos que lles axuden a mellorar a súa fluidez. 


En definitiva, o método TPRS pretende que o alumnado consiga fluidez nunha lingua estranxeira para que se poida comunicar de maneira entendible con persoas estranxeiras. Os métodos tradicionais de ensinanza de idiomas están demasiado centrados na gramática e deixan a un lado o tema da fluidez, cando en verdade é o aspecto máis importante se o que buscamos é comunicarnos. 

Na miña opinión, este método é moi interesante e gustaríame utilizalo nalgunhas das miñas sesións futuras como docente, intercalando a ensinanza de gramática e demais aspectos máis tradicionais co método TPRS, pois penso que así o meu alumnado desenvolverá o seu coñecemento de inglés en distintas esferas e dunha maneira máis divertida. 

E vós, que pensades? 



Antes de rematar, gustaríame deixarvos un vídeo no que podemos ver en que consiste o TPRS a través da historia de Leo, un mozo que quere aprender a falar inglés de forma fluída e non está contento cos métodos tradicionais que atopa nas academias:



Aquí inclúo algunhas páxinas que me serviron de axuda para coñecer o TPRS e que vos poden resultar útiles se queredes ampliar información sobre o tema:

Comentarios

Entradas populares