TEMA 5: DOSSIER

Benvid@s de novo a este blog! Na entrada de hoxe explicarei as actividades que realizamos durante as sesións do Tema 5.

Para comezar, fixemos un repaso do currículo, os seus elementos, as competencias clave e os graos de concreción curricular. Estes contidos xa os estudaramos noutra asignatura, polo que na aula repasámolos mediante unha actividade en pequenos grupos aleatorios. Cada grupo tiña que responder ás preguntas plantexadas para despois poñelas en común tanto de forma oral coma a través de Mentimeter.

En segundo lugar, volvemos a dividirnos en pequenos grupos para pensar en actividades que incluíran as 7 competencias clave. No meu grupo pensamos que sería interesante organizar unha festa cunha temática relacionada con Reino Unido, pois así o alumnado traballaría todas as competencias:

  •  CCL: comunicarse entre si e escribir as invitacións.
  • CD: realizar invitacións mediante algún programa dixital e busca de información en internet.
  • CMCCT: organizar e xestionar o número de invitados e invitadas á festa.
  • CAA: planificar a festa con todos os problemas e tarefas que isto conleva.
  • CSC: escoitar e respectar as opinións dos demais e ser capaces de chegar a acordos polo ben común, pois é esencial ao traballar en grupo.
  • CIEE: participar de maneira activa neste proxecto, propoñer ideas, facer uso da súa creatividade, etc.
  • CEC: decidir a temática da festa, pois o alumnado debería atender a diversos aspectos culturais da cultura británica.

Logo de coñecer as propostas de todos os grupos, realizamos unha actividade en Kahoot. A través desta aplicación pódense crear cuestionarios, e esta ferramenta pode ser moi útil para facer as nosas clases máis interactivas. Neste caso, o tema do Kahoot era o currículo en ESO, Bacharelato e FP e tratábase de 24 preguntas que tiñamos que responder de maneira individual. Ao rematar este xogo, varias compañeiras e eu coincidimos en que esta plataforma está moi ben, pero que pode resultar bastante desmotivante para algúns alumnos/as e, ademais, favorece á competitividade. Así mesmo, eu considero que era demasiado longo e que, se fose máis curto, faríase máis ameno.


Para rematar a clase, dividímonos en minigrupos unha vez máis para realizar unha presentación relacionada co tema 5; ao meu grupo tocoulle a Estrutura xeral da FP. Ao comezo da seguinte clase, cada minigrupo tiña que presentar a súa parte e debía darlle feedback ao grupo anterior, para o que utilizamos a rúbrica proporcionada polo docente, pois pareceunos moi útil. Aquí inclúo a nosa presentación coa rúbrica.

Despois fixemos de novo un Kahoot, pero esta vez eran menos preguntas e puidemos facelas en grupo, polo que a miña opinión con respecto ao último día mellorou. Realizar a proba por grupos permite ampliar o teu coñecemento co saber dos teus compañeiros e compañeiras e, ademais, diminúe a presión que sentes ao facelo só.

En último lugar, comezamos a facer unha nova presentación entre toda a clase, esta vez sobre a EOI, e a min tocoume facer de forma conxunta o apartado de Avaliación e cualificación das probas de certificación. Na seguinte sesión fixemos unha exposición conxunta para que todos puidésemos coñecer todos os aspectos.

En conclusión, nestas dúas sesións traballamos os contidos relacionados co currículo dunha maneira dinámica a partir de actividades moi diversas. Considero que esta forma de aprender é moi enriquecedora, pois axuda a asimilar conceptos dunha maneira máis amena que unha simple explicación teórica e, ademais, permítenos coñecernos máis entre nós a pesar de tratarse dun tipo de docencia online.

Comentarios

Entradas populares