PRESENTACIÓN FINAL: CAMBRIDGE

Benvid@s de novo a este blog! Hoxe falareivos sobre as últimas clases que tivemos da materia de As linguas estranxeiras no contexto español e internacional. A idea era traballar os temas 4 e 7 a partir de presentacións individuais de cada un de nós para despois crear debates sobre os distintos contidos. No meu caso, tocoume facer a presentación con Carla, que ofrecía distintas opcións relacionadas non só co tema 4, senón tamén co tema 3, que non tivemos tempo de estudar.

A miña presentación correspondía co tema 4, as certificacións internacionais de idiomas, en concreto o caso de Cambridge. Tod@s coñecemos estes exames e tod@s realizamos algunha vez unha das súas probas, polo que me pareceu moi interesante escoller este tema e afondar nel para ver cales eran as súas vantaxes e desvantaxes.

Na presentación que inclúo a continuación poderedes encontrar información sobre os exames de Cambridge en relación co MCER, un tema tratado na clase, e as distintas variantes de probas que existen. Fixen especial fincapé nos tests multinivel porque son un aspecto non tan coñecido e tamén me centrei na maneira de avaliar, coa Cambridge English Scale, e os precios. Despois de expoñer a presentación, estivemos debatendo na clase o tema dos precios excesivos destes exames e tamén a súa validez, pois en moitos casos piden unha certificación recente a pesares de tratarse de exames que non caducan.

Espero que vos guste, vémonos!


Comentarios

  1. Ola, Uxía. Moitas grazas por esta entrada e por deixarnos a presentación sobre os exames de Cambridge que utilizaches para facer a túa exposición en clase. Con respecto a isto último, apreciei moito as exposicións que preparastes ti e as outras compañeiras sobre os diferentes organismos capacitados para a realización de exames de certificación de nivel.
    Concordo contigo en que os exames de Cambridge son uns dos máis reputados para certificar o nivel de inglés, polo menos na actualidade en España. Eu presenteime hai algúns anos ao B2 de Cambridge, pero dende aquela o sistema de cualificación cambiou e tamén o fixo a oferta de exames e, neste sentido, agradezo ter podido familiarizarme co novo modelo e a nova oferta a través da túa presentación.
    Con respecto ás conclusións do teu traballo, nelas comentas que hoxe en día resulta imprescindible ter un certificado de nivel de inglés. En liñas xerais eu sempre estiven de acordo con esta afirmación pero hai pouco tempo tiven a ocasión de falar deste tema con colegas que me fixeron ver o asunto dende un punto de vista diferente. Algúns deles, traballando como profesionais das linguas, critican a mercantilización da ensinanza do inglés e desaproban a industria creada arredor da certificación do idioma, que move miles de millóns de euros ao ano en todo o mundo. Chegan á conclusión de que se unha persoa se gradúa dunha titulación como Filoloxía Inglesa ou Tradución e Interpretación, dáse por feito que ten unha competencia avanzada no idioma en cuestión e por tanto, non sería necesario presentar un certificado de nivel. Segundo eles, se por exemplo a un enfermeiro non se lle pide unha certificación alén do seu título universitario para poder traballar, por que aos profesores e aos tradutores se lles podería esixir unha certificación de nivel do idioma polo que se graduaron na universidade?
    Como che dicía, eu adoitaba ver os exames de certificación de idiomas como unha ferramenta imprescindible para labrar o meu futuro laboral, pero agora que coñezo outras opinións e perspectivas, xa non son tan rotunda na defensa de Cambridge e doutros organismos semellantes. Polo menos cando se trata de acreditar o nivel en profesionais da lingua como se supón que é o noso caso.
    Espero que esta reflexión che poida parecer interesante e grazas de novo por compartir esta entrada.
    Unha forte aperta,
    Andrea Martínez Cordeiro

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola, Andrea! Alégrome de que che servise de axuda a miña presentación. Paréceme moi interesante a aportación que fas e si, estou de acordo no feito de que as certificacións de idiomas convertéronse nun mero negocio. Grazas tamén por compartir a reflexión sobre a necesidade de certificacións de idiomas para filólogos/as e tradutores/as, a verdade é que nunca o pensara e tes toda a razón! O noso traballo non é menos válido que o dos demais e, se temos un título universitario dun idioma, non deberiamos precisar outro tipo de certificación (pero xa sabemos que por diñeiro, fan o que sexa...). Grazas de novo por esta reflexión tan interesante!
      Unha aperta,
      Uxía

      Eliminar

Publicar un comentario

Entradas populares