TEMA 2: SUXESTOPEDIA
Benvid@s de novo a este blog! Nas últimas sesións estivemos a coñecer o que era o MCER. Eu nunca o escoitara, polo que vou facer un pequeno resumo sobre a súa función antes de entrar no tema do que me gustaría falarvos hoxe.
O Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (MCER) é un estándar a nivel europeo que permite coñecer o noso nivel nun determinado idioma. Este marco serve como base para elaborar as programacións, exames e manuais de toda Europa, polo que permite regular os niveis para que estes se correspondan nos distintos países da Unión Europea. Así mesmo, establécense uns niveis comúns de referencia (A1, A2, B1, B2, C1, C2) e preséntanse as aptitudes que se deben dominar en cada un deles.
Este tema é moi denso e poderiamos falar máis profundamente sobre el, pero gustaríame pararme nun apartado da presentación da clase que me chamou a atención. Despois de coñecer os aspectos máis técnicos do MCER, chegamos ao apartado de metodoloxía, no que non afondamos demasiado debido á falta de tempo. O MCER entende que os métodos aplicados na aula poden ser moi variados e debemos adaptalos ao noso contexto. A docente incluíu algunhas opcións metodolóxicas na presentación, pero non se explicaron na aula, polo que pensei que sería interesante investigar sobre unha delas e presentárvola hoxe no meu blog: a suxestopedia.
A suxestopedia ou pedagoxía desuxestiva é un método que aplica os principios da suxestoloxía. A suxestoloxía é a ciencia da suxestión; consiste na activación das capacidades de reserva do cerebro para liberar á persoa de limitacións impostas polas normas sociais, que poden condicionar a súa personalidade, conducta e capacidade de aprendizaxe (Alguacil, 2018). O seu creador é o neuropsiquiatra búlgaro Georgi Lozanov (1926-2012), que nun principio aplicou a suxestión como factor curativo de enfermidades.
A teoría de aprendizaxe
da que estamos a falar está baseada na desuxestión e posterior suxestión para
crear reservas de memoria nun estado de relaxación e concentración
(psicorrelaxación concentrada). Durante a desuxestión, a nosa mente libérase de
todos os recordos non desexados; durante a suxestión, adquirimos de maneira
consciente e inconsciente recordos desexados e útiles para a nosa aprendizaxe.
Unha clase suxesopédica
non é para nada como unha clase tradicional, pois trátase de adquirir
coñecementos de forma lúdica e sen esforzo, favorecendo non só á memoria, senón
tamén á creatividade e o benestar físico e psicolóxico.
COMO É UNHA CLASE
SUXESTOPÉDICA?
Nunha aula de
suxestopedia hai factores externos moi importantes: a sala ten que ser ampla e
ten que contar coa luz adecuada e cores suaves. É imprescindible que se respire
un ambiente agradable para poder levar a cabo a sesión.
O obxectivo é que o
alumnado elimine as barreiras das que falabamos anteriormente para que poida adquirir
todos os coñecementos sen esforzo, acelerando así o proceso de aprendizaxe.
... E UNHA CLASE
SUXESTOPÉDICA DE IDIOMAS?
Cando o alumnado se
adentra por primeira vez na suxestopedia, a clase de idiomas consta de tres
fases:
1. Descifrado: o profesor entrega normalmente unha ficha cos aspectos gramaticais ou de vocabulario que se pretenden traballar xunto coa súa tradución para que se produza unha aprendizaxe de maneira bilingüe.
2. Concerto: esta parte
da sesión pode ser activa ou pasiva. Nun concerto activo o profesor ou
profesora le o texto a unha velocidade normal e entonando as palabras, mentres
que o alumnado o segue. Por outra parte, nun concerto pasivo o alumnado debe
relaxarse mentres escoita ao profesor ou profesora ler despacio o texto. Así
mesmo, pódese incluír música ambiente de fondo para contribuír á relaxación do
alumnado.
3. Elaboración: o alumnado pon en práctica o aprendido a través de xogos, dramatizacións, cancións... A clase é unha festa!
Cando a suxestopedia xa non é algo novo para o alumnado, modifícanse as fases:
1. Introdución: en
comparación co caso anterior, neste caso o profesorado debe presentar a materia
de forma lúdica e non mediante un método tradicional como un papel.
2. Concerto: nos
concertos activos o profesor ou profesora le o texto con música de fondo e o
alumnado pode acompañalo, mentres que nas sesións pasivas todo se realiza con
maior relaxación.
3. Elaboración: o
alumnado xoga, interpreta, etc., e o profesor ou profesora supervisa e asesora.
4. Produción: o alumnado
interactúa entre si de forma espontánea no idioma que se está a aprender na
aula. Esta fase aparece cando os aprendices xa teñen un determinado nivel na
lingua meta.
As fases poden variar en gran medida segundo os gustos do profesor e das características do alumnado, pero unha clase suxestopédica sempre se basea na desuxestión-suxestión do alumnado mediante un ambiente agradable e lúdico para acelerar o seu proceso de aprendizaxe dun idioma.
Persoalmente, pareceume moi interesante
investigar sobre este tema, pois descoñecía totalmente de que se trataba. De
todas formas, non sei se o aplicaría nalgún momento nas miñas clases porque
creo que é un método bastante complicado e que non teño o suficiente
coñecementos de psicoloxía como para levar a cabo unha sesión deste tipo de
maneira correcta. Aínda así, encantaríame asistir algunha vez na miña vida a
unha clase así e experimentar os cambios e as vantaxes que ten esta metodoloxía
en relación con outras e, sobre todo, ver se de verdade acelera o ritmo de
aprendizaxe.
Pero que opinades vós? Coñecíades
esta metodoloxía?
Ola Uxía!
ResponderEliminarMoitas grazas por esta entrada tan interesante! Coido que moitas veces se tocan temas interesantes na aula, pero por falta de tempo non se pode afondar en todos eles. Alégrome de que recuperaras este para que o poidamos coñecer todos! Eu tampouco sabía nada sobre a suxestopedia e, aínda que me ten un aire así un pouco esotérico (non vou mentir, cando empecei a ler vin paralelismos coa hipnose jaja), paréceme un método de ensinanza canto menos peculiar pero moi válido. Se tivese que destacar algo, quedaríame coa maneira de introducirlles os contidos aos estudantes que me recordou un pouco ás teorías de Bruner nas que os alumnos recibían os materiais ou entraban en contacto cun audio, vídeo etc. sen recibir unha explicación teórica pormenorizada de antemán, coma sucede cando se emprega o método tradicional. Tamén me quedaría co práctica que semella a aprendizaxe e con que realmente se fomenta a comunicación e a interacción entre os estudantes e co docente para asimilar os contidos. Por último, gustaríame resaltar a posición do docente ao mesmo nivel que os estudantes, o que contribúe a que haxa unha menor presión e sensación de estar sendo avaliados en todo momento, algo que ás veces pode coartar ao alumno na aula de idiomas. Persoalmente, coincido contigo e non creo que fose quen de implantar este método nunha clase de secundaria ou bacharelato, polo menos de maneira habitual. Penso que podería ser divertido mostrarlle aos alumnos que hai moitas formas de ensinar-aprender linguas e que ningunha é a única válida. Paréceme, en troques, un método moito máis interesante para os cursos da primaria e penso que, se se empregara cos nenos dende pequenos, se melloraría a súa confianza ao falar nunha lingua estranxeira e tamén lles axudaría moitísimo a ir facendo oído.
Unha aperta!
Ola Uxía! Moitas grazas polo teu comentario, alégrome de que che gustara a entrada :) Paréceme moi interesante a relación que fas da suxestopedia coas teorías de Bruner, é certo que si que recorda a elas, non me dera conta! En canto aos paralelismos coa hipnose, si, tes toda a razón, de feito, cando buscaba información para realizar a entrada, moitas persoas comparaban este método coa hipnose, pero a suxestopedia quere alonxarse desta idea. Unha aperta!
EliminarOla Uxía,
ResponderEliminarGrazas por esta explicación da suxestopedia, un método que eu tampouco coñecía. Cando o estaba lendo, como menciona a compañeira no comentario anterior, tamén me dou a sensación de que se acercaba perigosamente á hipnose, método para o que o executor precisa de moito talento e boas intencións para lograr resultados reais, e non sabería como encadralo dentro do mundo da ensinanza-aprendizaxe. Logo dinme conta de que se refería a que consiste en crear un ambiente seguro onde poder expresarse sen todas esas ataduras conscientes e inconscientes que nos poñen tantas resistencias a “facer o ridículo”, por exemplo, algo desgraciadamente moi presente cando se está aprendendo. A verdade paréceme un método ben interesante e eu tampouco creo que puidese poñelo en práctica sen unha formación sólida detrás. Pero honestamente encantaríame participar como alumna. Grazas de novo por achegarnos esta información.
Unha aperta grande!
Ola Sofía, grazas polo teu comentario! Si, a suxestopedia é un método moi interesante e útil para permitir que o alumnado perda a vergonza, pois normalmente cóstalles moito que se abran e disfruten por "se fan o ridículo", como ben dis. Unha aperta!
EliminarOla Uxía,
ResponderEliminarMoitas grazas por publicar esta entrada. O certo é que descoñecía por completo esta metodoloxía e penso que é moi interesante descubrir como de amplas son as posibilidades de estruturar unha clase (e que pouca exposición tivemos a elas ata o momento). Ó igual que mencionaches ti e máis as outras compañeiras, non penso que eu fose quen de trasladar esta metodoloxía ás aluas, non só por falta de coñecemento, senón porque me custa visualizar este tipo de metodoloxía cun alumnado adulto (por exemplo, da EOI ou de bacharelato) que ten unha necesidade de aprendizaxe moi específica (laboral, exames, etc). Desgraciadamente, penso que canto máis maiores, máis impacientes nos voltamos e coido que esta metodoloxía pode ser máis lenta e máis calmada que unha aula tradicional. Porén si que creo que esta metodoloxía podería ser moi útil nas aulas de primaria. Persoalmente, eu non lembro nunca ter un profesorado que se puxese ó noso nivel na primaira, e moito menos que as clases fosen calmadas e libres de medo/castigos. Se esta metodoloxía se impartise nos primeiros anos de escolarización axudaría moito a crear confianza no alumnado, a que se divertisen e a sacarlles o medo a falar e interactuar na clase.
Unha aperta!
Ola Ildara!
EliminarMoitas grazas pola túa aportación. É certo que a suxestopedia pode parecer un método máis infantil, pero o que trata é de romper esas barreiras, esa vergonza, e aprender xogando coma nenos pequenos. Igualmente, entendo que este método é máis difícil de implementar en xente adulta porque existe esa necesidade de seriedade e as barreiras son máis difíciles de romper. Unha aperta!
Ola, Sabela! Moitas grazas polo teu comentario. E si, estou de acordo contigo no tema de que deberiamos perder o medo a ser observados/as na clase e nós, como docentes, debemos traballar nisto e crear un bo ambiente de confianza na aula para que o noso alumnado non teña medo de intervir e de se equivocar. Certo é que a suxestopedia pode parecer un método demasiado utópico, pero si que é moi interesante para extraer algunhas ideas e aplicalas. Un bico, Sabela.
ResponderEliminar