TEMA 3: O ASPECTO CULTURAL NA AULA
Estas competencias forman parte do coñecemento declarativo, é dicir, do saber, pois céntranse no coñecemento en xeral sen ter en conta o aspecto lingüístico. Agora ben, preguntarédesvos: se non teñen en conta o aspecto lingüístico... Que teñen que ver coas clases de idiomas?
Na miña experiencia, se
me paro a pensar nos peores profesores de Inglés que tiven, penso inmediatamente
en gramática. Quen non tivo nunca o típico profesor que se limitaba a dar unha
explicación (soporífera) sobre o past
simple e despois dicía que había que facer os exercicios da páxina
correspondente do Workbook? Se ti non viviches esta experiencia, envídiote, eu
e case toda a poboación!
Agora ben, se penso nos
meus mellores profesores de Inglés, penso en persoas que me ensinaron cousas moito
máis aló da gramática e o vocabulario relativo ao tema que estabamos a estudar.
Penso en persoas que de verdade tiñan vocación e, obviamente, isto reflectíase
nas súas clases. Os mellores profesores de Inglés intentan que o seu alumnado
comprenda a cultura que rodea ao idioma que se está aprendendo, pois moitas
veces iso é moito máis importante que saber formar perfectamente o past simple (que tamén é importante, non
me malinterpretedes). A interculturalidade é esencial, xa que a nosa materia é
o Inglés, a lingua máis extendida no mundo. Debemos ter en conta que vivimos
nun mundo globalizado e interconectado e que, ademais do idioma en si, é
imprescindible ensinar ao noso alumnado aspectos das persoas e da cultura meta,
pois seguramente lles sirvan de axuda para o seu futuro.
Non obstante, a consciencia intercultural tamén ten un «lado oscuro». A miúdo cando vemos os costumes doutra cultura, caemos en estereotipos nacionais. Así pois, os estranxeiros cren que todos os españois son moi morenos, moi festeiros e, como non, amantes dos touros e das sevillanas. Sen ir máis lonxe, a min unha vez unha moza xaponesa díxome que non parecía española porque era «moi branca» e, ademais, pediume se podía bailar flamenco, que quería ver como era. Unha galega bailando flamenco... Se ela soubera!
Da mesma forma, nós temos
estereotipos cara aos estranxeiros: consideramos aos franceses persoas elegantes
e arrogantes, aos ingleses extremadamente educados e puntuais, aos alemáns
serios e cerrados... Pero coidado!, en moitos casos os estereotipos poden levar
á xenofobia. Debido a eles, as persoas latinoamericanas son consideradas persoas
perigosas; por non falar das persoas africanas, que, como ben explica Chimamanda
na TED Talk que vimos na clase, temos tan interiorizados os estereotipos que
pensamos que, debido á cor da pel, o seu estatus socieconómico é menor, porque
claro, «en África hai moita pobreza»...
Na miña opinión, pode ser interesante traballar con estereotipos de distintas culturas para facer unha primeira aproximación cultural, pois seguramente ao alumnado lle faga gracia e sexa motivante. Non obstante, isto debería ser só a base. A partir dos estereotipos traballados deberíase ir construíndo esa consciencia da que falamos mediante actividades diversas nas que se traballen as características da cultura dende unha perspectiva máis realista. De feito, un aspecto moi interesante para practicar a interculturalidade é a migración, pois permite ao alumnado ver situación de distintos países e a súa necesidade de mobilidade e o proceso de adaptación a unha nova cultura. Así mesmo, a consciencia intercultural está moi relacionada co coñecemento sociocultural, e este aspecto é moi interesante para traballar na aula as diversas tradicións e festividades da cultura anglosaxona.
Ademais, considero que todos
os aspectos culturais son unha gran oportunidade para gamificar: desde o
visionado de vídeos ata a creación de proxectos ou obras teatrais, podemos
crear actividades moi divertidas e estimulantes nas que se traballe a o plano
intercultural e sociocultural en conxunto cos contidos máis teóricos da materia.
Inclúo algúns documentos de interese sobre este tema:
El desarrollo de la consciencia intercultural: una propuesta didáctica
Comentarios
Publicar un comentario